| Celtic Roots verá a luz o próximo 11 de nadal |
|
|
|
| Friday, 19 November 2010 00:00 |
|
Celtic Roots é un proxecto educativo multidisciplinar que ten como obxectivo afondar no coñecemento e na comunicación entre nenos e nenas de países que comparten unha cultura atlántica común. Este CD-DVD recolle temas da música tradicional galega e irlandesa, interpretadas polo alumando dos colexios CEIP. Humberto Juanes de Nigrán (Galicia), St. John's Catholic Primary School de Manchester (Reino Unido) e St. Cronan's School de Bray (Irlanda), contando coa colaboración especial de Xose Manuel Budiño en Galicia, Michael McGoldrick no Reino Unido e Dònal Lunny en Irlanda, que fixeron posible este traballo.
Pero non debemos tampouco esquecer a todos os músicos que aportaron a súa sabedoría musical ao traballo: Pancho Ávarez, Javier Feijoo "Chisco", Luis Caruncho, Antón Seoane, Rodrigo Romaní, Guille Fernández, Magoia Bodega, Xaquin Xesteira "Xocas", Angela Durkin, Ed Boyd, Emma Sweeney, James Mahon e Graham Henderson.
Dónal Lunny Nado en Kildare (Irlanda) no 1947, Dónal está na vangarda da evolución da música irlandesa dende hai máis de corenta anos. Está considerado como chave central do rexurdimento da música tradicional dende finais dos anos sesenta. Foi un dos primeiros músicos en popularizar o buzuki dentro da música celta. Criado nunha familia de músicos, Dónal tocaba en pubs dende ben neno. Xa de adolescente fundou varias bandas co seu amigo Cristy Moore (outra figura imprescindible no folk irlandés), e en 1971 forman Planxty xunto con Liam O'Flynn. Tamén formou parte de bandas coma Moving Hearts (con Davy Spillane) e The Bothy Band. Nestes últimos anos especializouse en labores de produción e coma músico de sesión, sendo un colaborador e produtor habitual nos discos de Sinéad O'Connor, The Waterboys, Elvis Costello, Mark Knopfler ou Rod Stewart.
Michael McGoldrick Nado en Manchester no 1971 e de pais irlandeses, Michael McGoldrick veuse animado a tocar na escena do folk tradicional dende moi neno. Xa aos 15 anos gañara varios premios e campionatos a nivel nacional, sempre vinculado á música celta. Empezou tocando o bodhram aínda que logo se cambiaría á flauta e demais instrumentos de vento. Fundou varias bandas de música, como Toss the Feathers ou Lunasa. Pero o seu maior recoñecemento foi en 1998, cando entrou a formar parte da mítica banda escocesa Cappercaille da que aínda é membro hoxe en día. Michael McGoldrick é un nome de referencia na actual escena folk, sendo nomeado Músico do Ano en 2006.
Xosé Manuel Budiño Nado en Moaña, a comezo dos 80 vai á escola de gaitas "Semente Nova" de Moaña e completa a súa formación musical na Universidade Popular de Vigo. Participa na banda de gaitas Xarabal e, en 1991, funda o grupo Fol de Niu, colaborando posteriormente con bandas como Altan (Irlanda), Capercaillie (Escocia), Oskorri (Euskadi) ou artistas como Kepa Junkera e Uxía Senlle. Músico, galego de orixe e universal polo seu fado, viaxeiro convencido, creador incansable, innovador por convencimento, soñador de melodías imposibles dende un pobo mariñeiro onde o vento convértese en música calma... Xosé Manuel Budiño é un artista atípico: é difícil atopar alguén que esperte tanta admiración entre os seus e entre o mundo da música celta en Galicia. Xosé Manuel Budiño inspírase nos pequenos sabores da música tradicional, pero sempre coa intención de crear unha música con estilo propio: a música que se pode converter en tradición nun futuro, non moi lonxano.
|