| Discos PAI Tradicional - World |
|
TANXEDORAS - "TANXEDORAS" (PAI- Música 2008) Tanxedoras non son un grupo de música tradicional sen máis. O reto que se poñen é asumir a responsabilidade de cantar tradicional e de facer música tradicional. De cantar o de sempre pero desde unha marca de seu. Quen as teña visto sobre un escenario, voando polos ritmos, saberá que nestas cinco mozas hai unha forza capaz de conmover os corazóns máis duros e de facer bailar aos pés menos propicios. E non é para menos. Porque non son cinco mulleres e cinco pandeiros e cinco voces. Son unha polifonía de pandeireta, pandeiras, sachos, tixolas, morteiros, ferriños, bombos, tambores, gaitas, acordeóns, cunchas, culleres… Este seu primeiro disco é só unha mostra afortunada de todo o que pasa sobre o escenario. Cando menos, iso é o que cómpre dicir ata que o público as ve actuar. Daquela, entende que tanta forza, si, cabe nun disco, pero que hai enerxía dabondo como para botar por fóra.
MALVELA - "DA MIÑA XANELA Á TÚA" (PAI-Música 2007) O grupo Malvela xurdiu a partir dun cursiño de cantos populares dirixido pola cantante Uxía. O que nun principio foi unha actividade cultural, convértese nunha paixón continuada coa idea de rescatar e transmitir as cancións que gardaban na súa memoria. Tras dous exitosos traballos, “Que o pano non me namora” e “O Aghinaldo” agora volven con novo disco “da miña xanela á túa”, traballo que sen dúbidas, pode ser o da consagración do grupo. “da miña xanela á túa” é un disco baseado no repertorio tradicional galego e do norte de Portugal, aínda que tamén na canción de autor e consta dun CD con 15 cancións, con temas como “O Trébol de catro follas”, “A gota d´agua”, “Conanfrón” ou “Pirimpimpín” cos que de seguro farán bailar ó seu público. Asemesmo, o disco leva un DVD con dous vídeo clips, un documental, e un “como se fixo”, o que fai de “da miña xanela á túa” un traballo moi completo e elaborado.
SONDESEU - "TRASTEMPO" (PAI-Música 2007) “Trastempo” é a segunda achega discográfica de SonDeSeu, a primeira orquestra de música folk de España. Cunha produción artística mimada ao detalle por parte dos responsables de cada unha das seccións, Anxo Pintos, Xaquín Xesteira, Xosé Liz, Francisco J. Feijoo "Chisco", Alfonso Franco e Rodrigo Romaní, "Trastempo" é un traballo composto por pezas interpretadas pola orquestra no seu conxunto, pero hai un espazo no que cada sección convírtese en protagonista. "Trastempo" vai acompañado dun DVD no que se pode contemplar a forza, a extraordinaria enerxía que desprenden os concertos da orquestra ao vivo e que amosan a capacidade de esta xove formación para conectar co público na complicidade que só a música feita con cariño, con honestidade e con conciencia de estar a traballar sobre un patrimonio común, pode transmitir.
SETE SAIAS - "SETE SAIAS" (PAI-Música 2006) O dúo Sete Saias xurde no seo do Conservatorio de Música Tradicional de Vigo, concretamente na aula de arpa dirixida por Rodrigo Romaní. Marta Quintana e Clara Pino son as súas compoñentes, dúas mulleres galegas que amosan no seu traballo a orixinalidade, a beleza e o contrapunto nas arpas e nas voces. Neste primer proxecto musical abarcan no só a música tradicional, que é a principal fonte de inspiración deste traballo, senón tamén a música de autor, contando con temas propios. Ademais, contan coa colaboración de grandes artistas como é o caso de Rodrigo Romaní (autor dalgúns dos temas e arranxos), Xosé Manuel Budiño, Xosé Lid e Fernando Abreu nun total de trece temas producidos xunto a Segundo Grandío. Así mesmo contan tamén coa participación do pintor portugués afincado en Vigo, Xavier Magalhaes, que elaborou a portada e contraportada do presente traballo, o que o fai ademais dunha obra musical unha obra pictórica. Un gran disco que as descubre como un dos valores en alza do folk galego e cunha sensibilidade moi especial.
TREIXADURA - "UNHA SEMANIÑA ENTEIRA" (PAI-Música 2006) "Unha semaniña enteira" é o novo traballo discográfico de Treixadura, un dos grupos máis importantes no campo da música tradicional galega. Neste novo traballo, no que contan coa colaboración das voces do Orfeón Treixadura, o grupo mantén a filosofía que o caracteriza dende que comezara a súa andadura naquel vello muíño redondelano: misturar temas coñecidos da música galega con outros que se intenta rescatar do anonimato para dalos a coñecer con toda a forza e frescura características da nósa música. Neste cuarto traballo discográfico do grupo, como continuación dos dous anteriores, “Unha noite no muíño” e “Unha noite non é nada”, inciden nesta ocasión no pouso que o canto popular foi deitando na historia da música galega, e reivindican, unha vez máis, a transmisión das melodías e do nóso patrimonio cultural. Xúntanse dúas concepcións ben arraigadas na música da nosa terra: o canto e a gaita; o Orfeón Treixadura e Treixadura Gaiteiros; a música tradicional salvagardada polos coros decanos galegos, as cantigas populares que arrouparon a gaita no século pasado, as melodías de gaita que máis prenden en nós, as novas cantigas que Treixadura “peneira no seu tremiñado”.
MALVELA - "O AGHINALDO" (PAI-Música 2004)Malvela sorprendeunos o ano pasado con "O Aghinaldo", un completísimo traballo adicado íntegramente ós cantos de Nadal (panxoliñas, aninovos, xaneiras e cantos de reis). Este traballo continúa tendo toda a vixencia e inclúe un CD cunha pista interactiva (letras, partituras e mais fotos), e un DVD con un extenso documental onde as Malvela cóntannos como vivían o Nadal, tres vídeoclips e unha sección karaoke con audio Dolby Dixital 5.1.¡Interesantísimo traballo!
|